Friday 29 de March de 2024

A Xunta inicia a vindeira semana traballos de roza e limpeza en distintas estradas autonómicas das provincias de Coruña e Lugo


Actuarase na vía de altas prestacións VG.-1.4, ao seu paso polo municipio coruñés de Cee, e proseguirán os traballos na AC-432, en Vimianzo

A Xunta ten previsto iniciar a vindeira
semana os traballos de roza e limpeza nas marxes da vía de altas prestacións VG.-1.4, entre Cee e Sardiñeiro, ao seu paso polo municipio coruñés de Cee. Tamén está programado o comezo destas tarefas en estradas de Lugo: na LU-633, entre Samos e Triacastela, e na LU-530, que comunica a cidade de Lugo e Castroverde.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.
No marco destes traballos, continuarán os labores ao longo da vindeira semana na estrada autonómica AC-432, ao seu paso polo municipio coruñés de Vimianzo.
Na provincia de Lugo seguirán as tarefas de roza e limpeza na vía de altas prestacións CG- 2.2, en Lugo e no Corgo, así como na estrada LU-862, no Vicedo e Viveiro.
Proseguirán as actuacións en marcha nas estradas autonómicas da área de Ourense, Allariz, Celanova, O Carballiño e O Ribeiro; e nas zona da Baixa Limia e Caldelas. Continuarán os traballos, ademais, en distintas vías autonómicas da provincia de Pontevedra, nas zonas do Condado-Paradanta e Vigo-Baixo Miño, así como na vía de alta capacidade C.G.- 4.2, en Tomiño e na Guarda.
As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.
Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.
Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.
As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.